O Congreso Internacional da Paz de Ferrol (1915)

28 min. de lectura

Cando as bombas retumbaban nos campos de Europa e millóns de obreiros eran enviados á morte en nome de intereses alleos, unha luz acendeu no noroeste da península. En Ferrol, cidade obreira e inqueda, un grupo de homes e mulleres decidiu erguer a voz contra a barbarie. Este artigo afonda nun dos episodios máis esquecidos da historia do movemento libertario: o Congreso Internacional da Paz de 1915. Nun momento no que o patriotismo, o militarismo e a obediencia eran dogmas incuestionables, anarquistas e sindicalistas reunidos no Ateneo Sindicalista de Ferrol proclamaron que outra Europa era posible, unha Europa de pobos libres e traballadores conscientes. Para entendermos a magnitude dese xesto, cómpre retroceder no tempo e mergullarnos nos antecedentes que fixeron posible aquel encontro. Porque a historia tamén se escribe dende a resistencia.

Antecedentes

O Congreso Internacional da Paz tivo lugar en Ferrol a finais do mes de abril de 1915, resultado dunha complexa conxuntura política, social e ideolóxica que atravesaba o movemento obreiro europeo e, máis concretamente, o contexto anarquista e sindicalista revolucionario español. Para comprendelo, cómpre remontarse tanto á evolución do movemento obreiro en España como á resposta internacional dos socialismos ante a Primeira Guerra Mundial1.

A fundación da Confederación Nacional do Traballo (CNT) en 1910, durante o Congreso de Solidaridad Obrera en Barcelona, marcou un fito decisivo no sindicalismo revolucionario español. Este novo sindicalismo diferenciábase claramente do vello societarismo obreiro: pretendía non só resistir ás condicións laborais impostas polo capitalismo, senón combatelas e superalas a través dunha acción directa e transformadora. Defendía principios como a unidade de clase e o apolitismo, e a estratexia da folga xeral revolucionaria2.

Porén, a represión exercida polo goberno liberal de José Canalejas trala folga xeral revolucionaria de setembro de 1911 tivo, entre outras, unha consecuencia decisiva: a ilegalización da CNT apenas un ano despois da súa fundación. Dende entón, a organización viuse obrigada a funcionar na clandestinidade. Ao non contar cunha estrutura asentada, esta situación provocou a súa práctica disolución, quedando a actividade limitada aos grupos anarquistas e territorios máis activos, que en 1913 comezaron un lento proceso de reorganización confederal1,2.

Mentres, no ámbito internacional, o estoupido da Primeira Guerra Mundial o 28 de xullo de 1914 marcou un punto de inflexión. A meirande parte dos partidos socialdemócratas europeos, traizoando os principios do internacionalismo proletario, optaron por apoiar aos seus gobernos e mesmo integrarse en gabinetes de concentración nacional, rachando así co espírito da Segunda Internacional1. Fronte a esta deriva, os sectores libertarios mantiveron, con maior coherencia, a súa oposición á guerra, facendo bandeira do antimilitarismo como un dos piares fundamentais da súa cultura política. Na prensa anarquista da época denunciábanse abertamente o patriotismo, o militarismo e a lóxica imperialista das potencias europeas, apelando ao histórico lema: “Nin guerra entre pobos, nin paz entre clases”.

Esta crítica tiña fondas raíces: xa na guerra de Cuba (1895–1898), os anarquistas galegos, a través do xornal El Corsario, tomaran unha posición inequívoca en contra das accións de guerra do goberno español e a prol da independencia da illa e da liberdade de todos os pobos. Tamén a posterior guerra de Marrocos contribuíra a conformar unha axenda social claramente antimilitarista, especialmente entre os sectores libertarios.

Así e todo, o debate estaba vivo e aberto. Personalidades como Errico Malatesta, James Guillaume ou Emma Goldman destacaron pola súa oposición radical ao conflito, mentres que un pequeno grupo liderado por Piotr Kropotkin, Charles Malato e Jean Grave adoptou unha posición aliadófila, apoiando aos aliados como vía para derrotar ao imperialismo alemán. Estes últimos chegaron a asinar o coñecido Manifesto dos Dezaseis en 1916, fronte ao manifesto alternativo de 1915 subscrito, entre outros, por Goldman, Berkman, Malatesta e o español Pedro Vallina1.

En España o anarquismo mantívose maioritariamente en contra da guerra, interpretándoa como unha loita entre potencias capitalistas a custa das vidas da clase traballadora1 . Non obstante, houbo excepcións: o vigués Ricardo Mella adoptou unha postura aliadófila e a parella Mañé-Montseny mostraba dúbidas sobre a posición a adoptar.

Foi nesta conxuntura cando se impulsou o Congreso Internacional da Paz en Ferrol, promovido polos anarquistas galegos como resposta colectiva á guerra.

Convocatoria do Congreso

En pleno auxe do sindicalismo revolucionario, e coa meirande parte dos libertarios abertamente contrarios á guerra, xorde a iniciativa de organizar un congreso pola paz ao que convidar ao proletariado internacional. A convocatoria materializouse o 11 de febreiro de 1915 durante a celebración dun mitin no teatro Romea de Ferrol. Naquel mitin multitudinario, presidido polo anarquista Miguel D’Lom, pronunciáronse discursos incendiarios contra a guerra europea. Pero esta iniciativa non xurdía tan só do sector libertario ferrolá. D’Lom fora acompañado naquel mitin por outros anarquistas como Raimundo Castro, pero tamén por socialistas como Antonio Maneiros e José Bueno, e mesmo republicanos como Maximino Rodríguez3.

Ferrol presentábase como o emprazamento óptimo para levar a cabo aquel congreso pois, segundo argüía o Ateneo Sindicalista, A Coruña era na altura o porto español más concurrido polas mariñas mercantes e os vapores transatlánticos, o que facilitaría a mobilidade tanto dos delegados europeos como dos americanos. Ferrol, como cidade próxima e cun forte tecido obreiro, presentábase así como o enclave perfecto para acoller o Congreso4.

Para facer pública a convocatoria, que tiña previsto celebrarse os días 30 de abril e 1 e 2 de maio, os sindicalistas ferroláns editaron o xornal Cultura Libertaria, dende o que apelaron a todos os traballadores europeos a establecer unha posición común contra a guerra. Os obxectivos eran claros, atendendo aos tres puntos a tratarCL, SO:

  1. Os medios máis rápidos para rematar coa guerra europea.
  2. A nova orientación a seguir no sucesivo para evitar tales crimes de lesa humanidade.
  3. O desarme xeral dos exércitos permanentes.

Cómpre salientar que, aínda que os anarquistas foron os principais promotores, non se tratou dun congreso exclusivamente ácrata. A convocatoria estaba aberta a todas as correntes do obreirismo: socialistas, sindicalistas e anarquistas. Mesmo na comisión organizadora, xunto aos anarcosindicalistas José López Bouza e Raimundo Castro, figuraba o socialista Antonio Maneiros. Tamén participaron nesta o propio Miguel D’Lom, Antonio Filgueira Vieytes, Francisco Salgado, Antonio Porto Casal e ColladoEPO, 3.

Antes da celebración do congreso, o 23 de abril de 1915, tivo lugar un mitin preparatorio no teatro Romea de Ferrol, onde se pronunciaron discursos apaixonados contra a guerra. A súa repercusión foi tal que o goberno presidido por Eduardo Dato decidiu poucos días despois prohibir o Congreso, considerándoo unha ameaza para a orde públicaED,1. As ameazas non viñan só do goberno, nestes días previos ao encontro, a convocatoria do Congreso xa espertara fortes reaccións na prensa e entre sectores políticos. Segundo denunciaría máis tarde o delegado Lozano, El Socialista, órgano oficial do PSOE, fixera campaña activa en contra da celebración do Congreso. Algunhas cabeceiras da prensa burguesa foron aínda máis alá, chegando a acusar aos organizadores de actuar como axentes ao servizo do emperador alemán, nun intento de desprestixiar unha iniciativa obreira claramente antibelicista e internacionalista. Con todo, os preparativos seguiron adianteTyL.

Desenvolvemento do Congreso

A cidade departamental, que tiña ás súas tropas acuarteladas, foi invadida os días antes da celebración do congreo pola Guardia Civil e a policía. Os corpos estatais de represión percorrían diariamente os hospedaxes coaccionando aos seus patróns para que non acolleran aos delegados que acudían ao congresoTyL.

A pesares deste clima de tensión, e da prohibición gubernativa, o congreso puido celebrarse de forma clandestina nos locais do Ateneo Sindicalista, ainda que limitándose a dúas sesións. Xunto ás sociedades obreiras e grupos anarquistas españois e portugueses, estiveron representadas no congreso a Confederación Operaria Brasileira, por medio de Antonio F. Vieytes, e as Xuventudes Sindicalistas francesas, polo académico portugués Aurelio Quintanilha. Ademáis o congreso adheríronse máis de 135 entidades, a meirande parte delas sociedades e federacións obreiras e agrarias, pero tamén grupos e federacións anarquistas, ateneos, escolas racionalistas, centros obreiros, casas do pobo, xuventudes libertarias e sindicalistas. En menor medida sociedades de inquilinos, cooperativas, sociedades de socorros mutuos, caixas de aforros e grupos esperantistas. Xunto ao asociacionismo obreiro libertario participaron a Agrupación Socialista de Nerva e o Partido Republicano de Ferrol. En canto á procedencia destas entidades, a meirande parte delas eran do estado español, moitas de Portugal, catro inglesas, unha francesa, unha brasileira, e unha arxentina, así como a Unione Sindicale Italiana. A estas habería que sumar a Asociación Internacional da Paz e a Liberdade e a Liga de Defensa dos Dereitos do HomeTyL.

A primeira sesión do congreso celebrouse na noite do xoves 29 de abril. Despois dos saudos aos delegados abordouse o primeiro tema, sobre os medios adecuados para rematar coa guerra. A proposta de José López Bouza, da comisión organizadora, decidiuse declarar a folga xeral en todas as nacións europeas. Pero dadas as circunstancias en que se tivera que desenvolver o congreso, esta folga xeral incorporaba tamén unha protesta contra o goberno español diante da súa tentativa de suspensión do congreso. Neste último sentido aprobouse tamén a proposición de Aurelio Quintanilha para emprender accións de axitación e protesta diante das embaixadas e consulados españois no estranxeiroTyL.

Acto seguido abordouse a proposta de Constancio Romeo de crear un Comité Permanente do Congreso Internacional da Paz composto por cinco membros cuxa tarefa principal consistiría en redactar cada quince días alocucións revolucionarias nas diferentes linguas das nacións belixerantes e facelos chegar ata as trincheiras europeas. A moción foi aprobada, decidindo establecer o Comité en LisboaTyL.

A sesión finalizaba xa de madrugada despois de aprobar a creación doutro comité que, composto por delegados portugueses e españois, debía traballar para estreitar os lazos de solidariedade entre o proletariado de ambos paises. O obxectivo a medio prazo desta proposta, asinada por Ernesto Costa Cardozo, era a fundación dunha Federación Ibérica que fora a célula de refundación da Internacional Obreira. Unha federación que serviría para rebelarse «contra a guerra, contra todas as guerras, contra a explotación capitalista e contra a tiranía do Estado»TyL,SO.

Xa rematada a primeira sesión, na madrugada do venres 30, as autoridades asaltaron o hotel onde se hospedaban os delegados estranxeiros, deténdoos e deportándonos aos seus paisesTyL. Deste modo a segunda e derradeira sesión do congreso celebrouse coa participación únicamente dos delegados españois. Dadas as circunstancias, e facendo da necesidade virtude, o que restou de congreso gravitou en torno á cuestión da reorganización da CNT. Lamentablemente a prensa confederal, quizáis por cuestións de seguridade, tan só recolleu a aprobación da proposta de Ángel Pestaña, sen concretar o seu contido, máis alá da creación dun comité para a reorganización confederal con sede en Barcelona.

Outro tema a tratar nesta segunda sesión foi a localidade onde debía residir o Comité Ibérico para a refundación da Internacional Obreira. Constancio Romeo, mestre racionalista da Coruña, propuxo que esta fora Lisboa. Pola súa banda, o madrileño Francisco Miranda, futuro secretario xeral da CNT, propuxo A Coruña. Antonio Loredo protestou entón no sentido de «que só apareza á luz Coruña e Barcelona, porque son unha especie de espejuelo no que se ven moitos traballadores que se deixan levar de superficialidades, pero que non analizan debidamente o movemento obreiro de ditas localidades», solicitando aos delegados das demáis rexións que falaran para que se soubera «que non hai só movemento obreiro na Coruña e Barcelona, senón que hai en toda España». Despois de que varios delegados tomaran a palabra decidiuse que o comité residiría interinamente en Ferrol e que os seus membros serían os mesmos da comisión organizadora do congresoTyL.

Antes de dar por rematado o congreso decidiuse elaborar un manifesto en protesta pola expulsión dos delegados portugueses na noite anterior, este debía ir asinado por todos os delegados presentesTyL. O manifesto, que sería publicado por El Porvenir del Obrero, denunciaba a incostitucionalidade da suspensión do congreso por parte do gobernoEPO.

Finalizado o congreso as autoridades detiveron a López Bouza e Eusebio Carbó pola súa participación no mitin do día 23. O mesmo acto que servira de escusa ás autoridades para prohibir o congreso empregábase agora para reprimir a dúas das súas figuras máis salientables. Os argumentos esgrimidos polas autoridades foron vacilantes. Se para a suspensión do congreso alegaron en primeiro momento os tonos violentos das alocucións dos conferenciantes, e logo a peligrosidade dos anarquistas que estaban a punto de xuntarse en Ferrol, López Bouza e Carbó serían finalmente procesados por “excitación á sedición”, sendo xulgados un ano despoisSO,5.

En paralelo ao congreso, os representantes dos grupos e xornais anarquistas puxéronse dacordo para constituir o Comité Español da Internacional Anarquista, aprobando a proposta presentada por Constancio Romeo. No preámbulo Romeo achacaba a situación de guerra á creba da II Internacional. Unha internacional socialdemócrata que consideraba «sen vida e sen honor», despois de que os seus xefes apoiaran a guerra europea. Porén, segundo o profesor racionalista, diante desta traición ao internacionalismo obreiro a «falta dunha sana e revolucionaria orientación no proletariado mundial foi, sen dúbida algunha, o factor máis importante de que se valeron os gobernos dos Estados belixerantes para arrastrar aos proletarios aos campos de batalla, a defender co seu sangue e coas súas vidas os insensatos intereses dos seus tiranos e verdugos». Era polo tanto preciso levantar unha organización internacional que puxera en contacto aos anarquistas para obrar en común acordo e contrarrestar as accións de guerra dos gobernos. Así nomeábase un comité composto por cinco membros cuxas funcións eran 1) Dar comezo ás xestións para obter a adhesión á Internacional de todos os indidivuos, grupos e federacións anarquistas en España; 2) Poñerse en comunicación co Comité de Londres e, en conxunto, dirixirse aos anarquistas dos demáis paises ata chegar á constitución da Asociación Internacional Anarquista; 3) Unha vez creada a asociación internacional esta debía crear, á súa vez, unha sección ou comité en cada país. O comité era asumido polo grupo Tierra y Libertad de BarcelonaTyL.

Repercusións do Congreso da Paz

O Congreso da Paz de Ferrol tivo unha grande incidencia sobre o devir do proletariado ibérico ainda que, paradoxalmente, este influxo pouco tivo que ver coa cuestión bélica. Federico Urales, que por motivos familiares non puidera acudir ao congreso, elaborou un manifesto sobre a folga contra a guerra. Urales (alcume de Joan Montseny)  que como xa dixemos estaba dubitativo entre as posturas aliadófilas e antibelicistas, amosaba neste manifesto unha certa cercanía aos paises aliados. Sinalaba ademáis como un dos acordos do congreso a posta en pausa da iniciativa da folga contra a guerra, mandatando ao comité que a puxera en marcha cando as circunstancias internacionais foran máis adecuadas. A intención era perxudicar o menos posible a aqueles paises que máis liberdade outorgaban aos seus cidadáns, é dicir, os aliados. Sinalaba ademáis que ao acordo da folga contra a guerra déraselle un caracter permanente, para aplicalo contra todo país que invadira territorio alleoEPO. Sexa como fora, a folga xeral non chegou a producirse en España e, moito menos, a escala europea.

A pesares de que a CNT volvera á legalidade en marzo de 1914, despois do sobreseimento do proceso de disolución contra ela emprendido en setembro de 1911, non foi ata o Congreso da Paz de Ferrol que comezou o seu proceso de reconstrución federal. Ata o de entón a actividade dalgunhas das súas vellas sociedades de oficio e federacións locais permitira plantexar certos conflitos laborais, pero a falta dunha estrutura orgánica impedira escalar e soster eses conflitos. A reunión no Congreso de militantes de case todas as rexións, e dunha morea de localidades, así como a posta en marcha do comité de reconstrución, serviu para sentar as bases da nova estrutura orgánica da confederación2,5. O comité en funcións, con sede en Barcelona, comezaría axiña a desenvolver o cometido para o que fora mandatado polo congreso. A base deste proceso foi a rexional catalana, que viña sostendo actividade dende 1913, despois da liberación de moitos dos seus militantes tras o indulto xeral outorgado polo goberno Romanones en xaneiro, e a súa relegalización no mes de abril2. O medio empregado foi o seu voceiro, Solidaridad Obrera, cuxas páxinas acolleron unha campaña de propaganda que insuflou nova vida ás malogradas estruturas confederais. Unha reorganización que, partindo da base militante que a CNT tiña ao longo do territorio peninsular, e das súas atomizadas sociedades de oficio e federacións locais e rexionais, foi quen de restituir a unidade orgánica e de acción do proletariado español. Ocorría isto nun momento de consolidación da nova estrutura do capitalismo español, que estaba a deixar atrás as pequenas industrias das burguesías locais, substituidas por grandes compañías que operaban a nivel estatal. A campaña do comité de reorganización puña as tintas na necesidade de rachar co corporativismo e o localismo, para abrazar a solidariedade de clase do proletariado das distintas rexións ibéricasSO. Tras esta campaña, a CNT quedaría definitivamente reconstituida no verán de 1915, co nomeamento dun novo comité nacional, ainda que desta volta as posicións anarquistas avanzaran respecto das sindicalistas revolucionarias, proceso que culminaría no congreso da Comedia de 1919 no que a CNT abandonaría definitivamente a orientación sindicalista revolucionaria para abrazar o anarcosindicalismoLJS.

No congreso de Ferrol emerxeron ademáis novos liderados cenetistas que, como Ángel Pestaña, acabarían por desprazar ás vellas figuras da Solidaridad Obrera e terían postos destacadísimos na confederación2,5.

Conclusións e aprendizaxes

A pesar de que o Congreso Internacional da Paz de 1915 non acadou o seu obxectivo inicial de artellar unha resposta internacional efectiva contra a guerra, o seu legado político e simbólico é dunha actualidade incontestable. A idea dunha Federación Ibérica de Sindicatos, que aniñaba xa naquela convocatoria ferrolá, merece ser revisitada dende o presente. Naquel momento, apostar pola colaboración entre organizacións obreiras da península —con especial énfase nos lazos con Portugal— era unha estratexia para superar fronteiras e patriotismos e pór o foco na solidariedade entre traballadoras. Hoxe, esa aposta segue a ter sentido. En tempos nos que a ofensiva do Estado e o Capital se intensifica en todo o continente, en todo o mundo, construir pontes entre colectivos libertarios dos distintos territorios non é só un exercicio de memoria histórica, senón unha vía real para reforzar a nosa capacidade de resposta e acción conxunta.

Se hai unha consigna que atravesa aquel momento histórico e que continúa a resoar con forza é a de “Nin guerra entre pobos, nin paz entre clases”. Esta máxima, tan sinxela como rotunda, serve como guía diante do horror que nos rodea: Ucraína, Palestina, Líbano, Siria, Kurdistán, Níxer, Sudán, Congo… A guerra é a expresión máis brutal dun sistema sostido na desigualdade, no espolio e na dominación. E mentres se suceden os bombardeos, os desprazamentos forzados, as masacres e a fame, os estados xustifican a súa violencia en nome da civilización, da democracia ou da seguridade. A posición do anarquismo debe seguir sendo clara: estamos coas persoas, nunca cos exércitos; coa resistencia popular, nunca cos intereses xeopolíticos das potencias.

Se en plena Guerra Mundial o proletariado ibérico sentía a necesidade de fundar un organismo proletario co que «se combata por todos os medios, e en especial por medio da prensa e da tribuna, a opinión burguesa e política na súa febre polo aumento dos armamentos e polo seu afán de conquistas territoriais»TyL, onde nos atopamos hoxe, cando a maquinaria bélica global segue a engulir vidas, territorios e futuros enteiros, coa complicidade activa dos estados e a pasividade cómoda das democracias liberais? Quizais sexa tempo de lembrar que non se trata de conquistar terras, senón conciencias; que a verdadeira loita está en despregar palabras onde outros sementan medo, en tecer vínculos onde outros levantan muros, e en facernos irresistibles non pola forza, senón pola claridade e a coherencia do que propoñemos. Porque hai ideas que, unha vez compartidas, xa non poden ser desarmadas.

Outro paralelismo co acontecemento do que estamos a escribir é o contexto marcado pola represión sistemática das organizacións de base —na actualidade, coa criminalización de mobilizacións e procesos xudiciais contra sindicalistas como as 6 da Suiza, antifastistas como os 6 de Zaragoza ou internacionacionalistas como es 9 de Compostela—. Esta panorámica reclama da militancia libertaria a mesma valentía que demostraron aquelas compañeiras e compañeiros que, fronte á guerra e á censura, decidiron xuntarse, debater e organizarse.

O actual rexurdir de proxectos libertarios organizados e estratéxicos abre un escenario novo, no que por primeira vez en moito tempo é posible pensar en estruturas estables e coordinadas a escala peninsular. Mais para que esta nova etapa non reproduza os erros do pasado, é imprescindible abordala con honestidade, transparencia e unha disposición real á autocrítica. O Congreso de Ferrol demostrou que os espazos amplos e diversos poden ser motores de reorganización se hai un compromiso sincero coa unidade nos principios e na acción, sen renunciar á pluralidade de voces nin á profundidade dos debates. Hoxe, coma daquela, é o momento de falar, de contrastar visións, de asumir disensos e de construír acordos sólidos dende a confianza política.

Reivindicar o Congreso de Ferrol non é só lembrar un episodio pouco coñecido da nosa historia obreira. É activar esa memoria como ferramenta viva, como raíz e como horizonte. É conectar co esforzo de quen, en tempos tan difíciles como os actuais, decidiron xuntarse para pensar alternativas e propoñer camiños compartidos. Hoxe, 110 anos despois, temos diante o reto de reconstruír, reorganizar e reforzar a presenza das anarquistas na esfera política e social. E facelo sen esquecer que a loita pola paz auténtica —sen exércitos, sen explotación, sen opresión— comeza co noso compromiso firme coa organización, a solidariedade e a memoria das que nos precederon.

Dani Palleiro e Inés Kropo (SELG)

Bibliografía

1Vadillo, Julián (2021). Historia de la FAI. El anarquismo organizado. Madrid: Catarata.

2Bar, Antonio (1981). La CNT en los años rojos. Del sindicalismo revolucionario al anarcosindicalismo (1910-1926). Madrid: Akal.

3Fernández, Eliseo (2005). Obreirismo ferrolán. Vigo: A Nosa Terra.

4Llorca Freire, G. (1985). Os ateneos ferrolans na súa historia: 1879-1880,1903-1917, 1931-1936. Ferrol: Ateneo Ferrolán.

5Vadillo, Julián (2021). Historia de la CNT. Utopía, pragmatismo y revolución. Madrid: Catarata.

Hemerografía

CL – Cultura Libertaria, 15/3/1915; 31/3/1915.

ED – El Diluvio, 24/IV/1915.

EPO – El Porvenir del Obrero, 13/V/1915.

ES – El Socialista, 2/V/1915

LJS – La Justicia Social, 23/X/1915

SO – Solidaridad Obrera, 18/III/1915; 13/V/1915; 3/VI/1915; 17/VI/1915; 8/VII/1915; 22/VII/1915; 12/VIII/1915.

TyL – Tierra y Libertad, 12/V/1915; 19/V/1915; 26/V/1915.

Comparte este artículo
Deja un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

× eight = twenty four